Comecei o Posgrao o día 26 de xuño, unha semana máis tarde do inicio do mesmo xa que me atopo en situación de desemprego e ao non cubrirse todas as prazas, tiven a sorte de poder acceder. Ese día tiven a primeira sesión presencial onde comezamos a traballar as competencias dixitais.
Dende o inicio ata agora, a parte lectiva do Posgrao centrouse no desenvolvemento do Marco Conceptual, quedando por desenvolver a partir do mes de setembro, o marco persoal e o instrumental.
Os temas tratados neste primeiro marco foron os seguintes:
Marco de referencia da Orientación Laboral
Mercado Laboral
Certificación e Formación Profesional
Política Social e de Emprego na Unión Europea
Iniciativa emprendedora como forma de acceso ao marco laboral
Ademáis dos contidos en modalidade teleformación, paréceme fundamental a ampliación e reforzo destes a través das sesións presenciais. Así contamos cos relatorios de:
Elena González de la Cámara Cayuela que nos falou sobre a estructura da Formación Profesional e Certificados de profesionalidade. Nesta sesión a poñente soubo adaptarse ao auditorio e transmitir facendo comprensibles e sinxelos conceptos claves como a estructura da formación profesional, cualificación, niveis de cualificación , competencia, certificados de profesionalidade, etc.. "a priori" de carácter bastante denso.
Ana Ferreiroa Dobarro que nos explicou a estructura dos Certificados profesionais, competencias e o procedemento de Recoñecemento da Experiencia Profesional en Galicia.
Ademáis de explicarnos todos estes contidos, ao final da sesión resolvimos un caso práctico, para afianzar e reforzar coñecementos.
Cristina Couto Palla introduciunos na Política Social e de Emprego na Unión Europea e descubriunos un montón de recursos a nivel europeo relativos a redes oficiais e non oficiais de información, financiación UE, movilidade, moitos deles descoñecidos por nós e que considero de moita utilidade. E con Fernando Agulló Leal sumerximonos na iniciativa emprendedora a través dos conceptos fundamentais e construindo por grupos a nosa empresa a través do modelo Canvas. Pareceume un exercicio moi útil e clarificador pois, sen demasiados coñecementos técnicos sobre a área de emprendemento, podemos chegar a plasmar no lenzo os apartados a ter en conta para a posteriori desenvolver un Plan de empresa.
Lenzo Canvas do noso grupo (1)_ Empresa Xes-TIC
O traballo grupal paréceme moi estimulante, xa que ademáis de coñecer a outras persoas con inquedanzas moi próximas ás de un mesmo, ao proceder de áreas diversas, conflúen distintas perspectivas, producíndose dese xeito resultados máis enriquecedores. Potenciandose tamén habilidades persoais, actitudinais e comunicativas.
Por último, destacar a transversalidade da área relativa ás Competencias TICs durante todo este proceso, co apoio de Carlos Parada Gandós. Traballamos a comunicación a través de ferramentas de microblogging como o Twitter, contamos historias a través de Storify e co Tagxedo iniciámonos na producción de contidos. Para reforzar esta última dimensión, a da producción, construimos o noso propio blog con Blogger a través da realización de actividades individuais e grupais. Todas elas co obxectivo de comezar a construír a nosa propia identidade dixital.
López Aguilar, E. 7 Competencias Clave en @starpy
Como reflexión persoal, destacar que como futura orientadora laboral me parecen moi importantes todas as áreas traballadas. Por unha banda, os coñecementos de carácter máis teórico, son unha base fundamental para poder aplicalos correctamente ás situacións diarias de asesoramento ás persoas demandantes de emprego. Por outra banda, como profesionais necesitamos unha actualización e adaptación constante á realidade socio-laboral que nos toca vivir, polo que se fai imprescindible o dominio das competencias dixitais e aprender ao longo da vida.
O sábado 27 de xuño, contamos con Elena González de la Cámara, para falarnos da estrutura da FP e dos certificados de profesionalidade. (Para coñecer algo máis sobre esta profesional podemos consultar os seus perfís de Linkedin e About.me).
Elena estruturou a súa exposición en dous apartados diferenciados: comezou falando da formación profesional, tanto na súa vertente académica como laboral, e rematou falando dos certificados de profesionalidade.
A Formación Profesional
Segundo indica Elena, "a formación profesional é un instrumento que permite mellorar e facilitar a adaptación das cualificiacións profesionais da poboacion activa", e "en función das necesidades do mercado de traballo e das cualificacións que se precisan, desenvólvense as ofertas públicas de formación profesional".
Ao falar de formación profesional hai que ter en conta as súas dúas vertentes:
Formación académica ou regulada (administración educativa).
Formación non formal ou formación para o emprego (administración laboral).
Comeza explicándonos a estrutura relativa ao Sistema Educativo, pois debemos ter en conta que a nivel académico está vixente a Lei orgánica 2/2006, de 3 de maio, de Educación, coas modificacións introducidas pola Lei Orgánica 8/2013, de 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa. E así, segundo se recolle no título V, os títulos de formación profesional estarán referidos, con carácter xeral, ao Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais, e os ciclos da Formación Profesional que conducen á súa obtención, son:
FP básica (que vén substituír aos antigos programas de cualificación profesional inicial -PCPI-, que á súa vez substituíran aos programas de garantía social).
FP de Grao Medio
FP de Grao Superior
Dentro da formación profesional, pero como ensinanzas de carácter especial, atópanse as ensinanzas deportivas e as de artes plásticas e deseño.
Elena fai fincapé na Formación Profesional Básica (facendo referencia a que substitúen aos antigos PCPI), e explicándonos os requisitos de acceso á mesma. Se nos centramos nos estudos de formación profesional de carácter académico, existen dous réximes de acceso:
Réxime ordinario (modalidade presencial)
Réxime de persoas adultas (modalidade presencial ou a distancia)
Mención aparte merece a formación profesional dual. Trátase dunha modalidade de formación profesional, do réxime para as persoas adultas, que se define como “o conxunto das accións e iniciativas formativas mixtas de emprego e formación que teñen por obxecto a cualificación profesional das persoas traballadoras, nun réxime de alternancia de actividade laboral nunha empresa coa actividade formativa recibida no marco do sistema de formación profesional para o emprego ou do sistema educativo”. Máis información sobre os convenios firmados en 2015 aquí.
Segundo indica Elena, a Formación Profesional nace a través da articulación do Sistema Nacional de Cualificacións e Formación Profesional (SNCFP). O instrumento fundamental é o Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais (CNCP), elaborado polo Instituto Nacional das Cualificacións (INCUAL).
O Catálogo organízase en familias profesionais e niveis. Así, definíronse 26 familias profesionais (atendendo a criterios de afinidade da competencia profesional das ocupacións e postos de traballo detectados), e 5 niveis de cualificación, de acordo ao grao de coñecemento, iniciativa, autonomía e responsabilidade precisos para realizar a devandita actividade laboral (en Europa hai 8 niveis EQF). O Catálogo é o instrumento do Sistema Nacional das Cualificacións e Formación Profesional (SNCFP) que ordena as cualificacións profesionais, susceptibles de recoñecemento e acreditación, identificadas no sistema produtivo, en función das competencias apropiadas para o exercicio profesional.
Rematada a parte centrada no sistema educativo, introdúcenos na relativa á formación profesional para o emprego, regulada polo Real Decreto 395/2007, do 23 de marzo, polo que se articula o Subsistema da formación profesional para o emprego coas modificacións introducidas polo Real Decreto-lei 4/2015, de 22 de marzo para a reforma urxente do Sistema de Formación Profesional para o Emprego no ámbito laboral.
Dentro da formación profesional para o emprego, que vai dirixida a persoas traballadoras, en activo ou en situación de desemprego, podemos atopar a seguinte estrutura:
Formación de oferta
Formación de demanda
Formación en alternancia co emprego
Entre as novidades que introduce o Real Decreto-lei 4/2015, de 22 de marzo, Elena destaca como as máis significativas as seguintes:
A formación bonificada ou de demanda é competencia do Estado.
A formación de oferta, tanto para persoas ocupadas como para persoas desempregadas, é competencia das CCAA.
Introdúcese a conta de formación, que recollerá a historia formativa nun rexistro, asociada á conta de cotización (formación realizada, tanto pola vía privada como pola pública).
Aparece o cheque de formación (aínda non desenvolvido). Cada persoa disporá dun cheque, cunha cantidade de cartos asociada, para realizar formación en función das súas necesidades.
Amósanos o organigrama da estrutura deste tipo de formación para detallar máis polo miúdo cada un dos tipos de formación e as accións que a compoñen segundo quen a oferta e os colectivos aos que vai dirixida.
As modalidades nas que se impartirá este tipo de formación son tres: presencial, teleformación e mixta. A modalidade a distancia desaparece a partir de xaneiro de 2016. Cualificacións e Competencias Elena remata esta primeira parte relativa á estrutura da formación profesional (regulada e non regulada), e comeza a falarnos de Cualificacións e Competencias, conceptos fundamentais para introducir a temática relativa aos Certificados de Profesionalidade. Así explícanos que se entende por cualificación profesional e por compentencia profesional.
A cualificación profesional é o conxunto de competencias profesionais con significación para o emprego, e poden ser adquiridas mediante formación modular ou outros tipos de formación e a través da experiencia laboral.
A competencia profesional é o conxunto de coñecementos e capacidades que permitan o exercicio da actividade profesional, conforme ás esixencias da produción e o emprego.
As cualificacións profesionais organízanse en Unidades de Competencia (UC). A Unidade de Competencia é o agregado mínimo de competencias profesionais susceptible de recoñecemento e acreditación parcial. Explícanos como se estruturan as unidades de competencia, establecendo unha clara descrición dos compoñentes que a conforman: datos de identificación, realizacións profesionais e criterios de realización, e a descrición do contexto profesional. Pasamos a ver exemplos utilizando a familia de "Atención Sociosanitaria a persoas en domicilio" para axudarnos á comprensión destes conceptos.
As cualificacións teñen dous referentes, referente laboral (administración laboral) e referente formativo (formación). A estructura modular compartida nos módulos permite o "salto" e establece pontes de unión entre a Formación Profesional e a Formación Ocupacional. Este aspecto é destacado pola docente como fundamental e recoméndanos que visitemos as webs do INCUAL, IGC, e tamén consultemos o Marco Europeo (EQF), e o Catálogo Nacional das Cualificacións para familiarizarnos coa súa estrutura e afianzar os coñecementos expostos.
A partir de aquí, somerxémonos na última parte da sesión, os Certificados de Profesionalidade.
Certificados de Profesionalidade
Os certificados de profesionalidade(RD 34/2008 modificado polo RD 1675/2010) son a acreditación oficial das cualificacións profesionais do catálogo, con independencia de como se teñan adquirido. É un documento onde se reflicte un perfil profesional e un itinerario formativo.
A súa finalidade é, por unha banda, acreditar as competencias (ben pola vía da formación ou pola da experiencia laboral) e por outra, establecen os contidos formativos (regulados por RD) e definen as competencias profesionais características da formación asociadas a elas.
Teñen carácter oficial e validez en todo o estado español.
Os certificados ordénanse en 26 familias profesionais e, de acordo aos niveis de cualificación que neles se inclúen, constitúen o Repertorio Nacional de Certificados de Profesionalidade.
Poden adquirirse pola vía formativa ou polo recoñecemento da experiencia profesional, procedemento que nos explica e co que pechamos a sesión.
Este proceso (rEXP) consiste nun conxunto de actuacións dirixidas a recoñecer a competencia adquirida a través da experiencia laboral ou outras vías non formais de formación. É un procedemento único para o ámbito educativo e laboral e, ao igual que os certificados, con validez en todo o territorio español.
Está composto por tres fases: asesoramento, avaliación das competencias profesionais e acreditación e rexistro das compentencias.
Por último, indicar que Elena pecha a sesión recomendándonos "viaxar" durante a semana polas webs indicadas, para profundizar na temática, e invítanos a formular as dúbidas que teñamos sobre estes aspectos á seguinte sesión presencial na que Ana Ferreiroa, profesional de destacada experiencia no IGC, nos pode resolver. Despídese facilitándonos as súas coordenadas profesionais por se queremos profundizar na temática ou para resolución de posibles dúbidas.
Utilidade das temáticas tratadas na sesión
Consideramos de especial interese e utilidade para os/as orientadores/as laborais todos os conceptos explicados na sesión, xa que son fundamentais para a práctica profesional diaria e para un correcto asesoramento aos demandantes de emprego.
Cada día atendemos situacións reais con dúbidas acerca desta temática, polo que todo o que poda achegarnos información relevante, axúdanos e fainos mellores profesionais.